Mesa Xeral de Negociación: modificación da orde que fixa os criterios xerais para elaborar as RPT´s

Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal (ambas extraordinarias) celebradas este martes (9 de maio de 2017), tratouse un único punto na orde do día:

  • Modificación parcial da Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia. (Consulta o documento da Orde).

O que se pretende é incorporar á dita orde ás relacións de postos de traballo as áreas funcionais como “instrumentos de organización de recursos humanos consistente na agrupación de funcións, actividades e procedementos de traballo, incluíndo tamén os requisitos, méritos e formacións específicas en que podemos agrupar un conxunto de postos da Administración Autonómica que desempeñen tarefas que requiren coñecementos e destrezas comúns”.

Das áreas funcionais tivemos coñecemento por primeira vez o 7 de marzo deste ano, e dende a CSIF non estamos convencidos de que esta nova clasificación dos postos de traballo non vaia a ‘encasillar’ aos funcionarios en áreas específicas, coartando, en certa medida, a posibilidade de mobilidade funcional e mesmo xeográfica do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo demais enuméranse as diferentes columnas nas que pasará a estar organizar a información relativa aos postos, tanto de persoal funcionario como de persoal laboral ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os contidos da orde que agora se modifica, de 1989 nada menos, deberían ser obxecto de unha negociación global, xa que contamos con unha serie de normas de ordenación e desenvolvemento moi antigas e que deberían ser revisadas á vista da nova normativa tanto en materia de persoal como de procedemento administrativo e réxime xurídico.

Polo tanto, o noso voto é en contra da proposta da Administración.

Rolda de preguntas

Na rolda de preguntas solicitamos que constase en acta que dende a CSIF solicitamos por escrito, con data de 24 de abril de 2017 dirixido á D.X. de Función Pública e á Consellería do Mar, a convocatoria de concurso para a provisión das prazas de Xefatura de Unidade Operativa da escala de Gardacostas, xa que a varias sentenzas do TSXG obrigaron a cambiar a súa provisión por Libre Designación a CONCURSO.

O director xeral da Función Pública contestou que neste momento non é posible a convocatoria do dito concurso xa que está en tramitación a proposta de modificación da RPT da Consellería de Mar, e que cando a dita modificación estea resolta será o momento de falar de concursos.

Tamén solicitamos constancia en acta da solicitude de que o anteproxecto de Lei de Portos de Galicia sexa traída para a súa negociación en Mesa Xeral de Empregados Públicos, en tanto afecta notablemente a temas relacionados co persoal ao servicio da Administración da Xunta de Galicia. Este anteproxecto que leva en tramitación dende o ano 2014, non foi posto en coñecemento da CSI•F para alegacións nese momento, e esiximos que agora sexa negociado onde e como deben negociarse os tema de persoal.

O vicesecretario Xeral da Consellería de Mar presente na xuntanza, ratifica que nos se nos remitiu o texto no seu momento debido a un erro, e que neste momento está pendente do informe do Consello Económico e Social para ser remitido ao Parlamento. En todo caso, di que contan cun informe da asesoría xurídica xeral que en ningún momento indica que deba ser negociado en Mesa Xeral de Empregados Públicos pero que reconsiderarán a cuestión.