Orde pola que se modifican os criterios para elaborar as RPT´s

Orde do 10 de maio de 2017 pola que se modifica a Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se ditan instrucións para o cubrir.

As relacións de postos de traballo son un instrumento técnico de carácter público que inclúe todos os postos de traballo de natureza funcionarial e laboral existentes en cada unha das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. A partir delas, a administración realiza a ordenación do persoal e a racionalización das estruturas administrativas, de acordo coas necesidades de futuro, conxugando a busca de eficiencia coa previsión dos gastos de persoal, de acordo coas necesidades dos servizos e con expresión dos requisitos para o seu desenvolvemento, de xeito que se definan os cadros de persoal das administracións públicas e se determinen as ofertas públicas de emprego.

Dende a Consellería de Facenda considérase que a actual configuración da relación de postos de traballo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia debe estruturarse por áreas funcionais, determinadas polas especialidades ou formacións específicas, consideradas de utilidade para o desempeño de cada posto. Para a súa inclusión na relación de postos de traballo cómpre regulamentalas e aprobar o modelo para a elaboración das relacións de postos de traballo con este novo apartado. Isto esixe modificar a vixente Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se ditan instrucións para o cubrir, que xa fora modificada pola Orde do 12 de xuño de 2002.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e …………………………………………, en uso das competencias establecidas no artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se ditan instrucións para o cubrir.

Modifícanse o apartado II mais o anexo da Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se ditan instrucións para o cubrir, que quedan redactados como segue.

As relacións de postos de traballo formalizaranse no modelo que figura como anexo e teranse en conta para o cubrir as instrucións seguintes:

  1. O código de posto, relativo á columna 1, consistirá nun algoritmo alfanumérico asignado polo Rexistro Central de Persoal.
  2. Na columna 2 figurará a categoría do posto e a súa denominación.
  3. Indicarase no espazo correspondente á columna 3, o nivel de complemento de destino dos distintos postos.
  4. No espazo correspondente á columna 4, precisarase con números a contía do complemento específico, de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente no momento da elaboración da RPT.
  5. Especificarase a forma de provisión consignando na columna 5 as claves “C”, “CE” ou “LD” segundo se utilicen os sistemas de concurso, concurso específico ou de libre designación.
  6. Na columna 6 relativa ao Subgrupo de clasificación dos corpos e escalas do persoal funcionario precisarase o que corresponda, de acordo co establecido no artigo 42 (ou artigo 43 no caso das agrupacións profesionais) da Lei 2/2015, consignándoo no espazo da referida columna.
  7. Na columna 7 (corpo ou escala) indicarase “Xeral” agás cando se trate daqueles postos que polas súas funcións, deban ser desempeñados por determinados corpos ou escalas.
  8. Na columna 8 (Adscrición administración pública) especificarase o tipo de Administración ó que debe pertencer o titular do posto de traballo, que con carácter xeral será a Administración da Xunta de Galicia.
  9. Indicarase na columna 9 a Área funcional que, no seu caso, corresponda. A estes efectos entenderase por área funcional o instrumento de organización de recursos humanos consistente na agrupación de funcións, actividades e procedementos de traballo, incluíndo tamén os requisitos, méritos e formacións específicas, en que podemos agrupar un conxunto de postos da Administración autonómica que desempeñan tarefas que requiren coñecementos e destrezas comúns.

As áreas funcionais clasifícanse nas seguintes:

  • Contratación
  • Económica-orzamentaria
  • Tributaria
  • Persoal
  • Técnico-Xurídica
  • Inspección
  1. Cando o contido do posto requira, ademais do necesario para o acceso ao grupo/subgrupo e escala do posto, a posesión de determinada titulación académica para o seu desempeño, consignarase esta circunstancia no espazo reservado á columna 10.
  2. Cando o contido do posto requira a posesión de determinada formación específica en calquera área da Administración, á marxe da necesaria para o acceso ao grupo/subgrupo e escala do posto, mencionaranse os correspondentes requisitos no espazo reservado á columna 11.
  3. Consignaranse cunha aspa no espazo reservado á columna 12 os postos reservados a persoal laboral, segundo o previsto no artigo 26.3 da Lei 2/2015.

   No caso de tratarse de persoal laboral deberá cumplimentarse o anexo correspondente, segundo o previsto no artigo 26.3 da lei 2/2015, onde figurará ademáis o complemento de singularidade na columna 12.

  1. No suposto previsto no parágrafo anterior, deberanse expresar o grupo e categoría que corresponda ao posto de traballo segundo o convenio colectivo, na columna 13.
  2. Nos postos de traballo que de conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 2/2015 deban ser desempeñados por funcionarios pero que se atopen ocupados por persoal laboral, reflectirase esta circunstancia na columna 14 “observacións”.
  3. Na columna 14 poderanse especificar outras características relacionadas co contido, desempeño ou ocupación do posto.

Finalmente, os postos de traballo agruparanse indicando o Centro Directivo (a) e, dentro deste, o Centro de Destino (b), figurando en anexos separados o relativo a persoal funcionario e a persoal laboral.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas aquelas normas, de igual ou inferior rango, no que se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para adoptar actos e medidas de desenvolvemento e execución

Habilítase ao titular do órgano de dirección competente en materia de función pública para adoptar os actos e medidas que sexan necesarios para o desenvolvemento e execución do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017.

Valeriano Martínez García

Conselleiro de Facenda