Proposta de Función Pública sobre baremos para concursos de traslados de persoal funcionario e laboral

Primeira proposta de Función Pública de baremos para concursos de traslados de persoal funcionario e persoal laboral.

Tras trasladarnos na propia reunión celebrada onte o documento de traballo sobre ‘Baremo de Concurso para persoal funcionario e laboral’, por parte da DXFP manifestouse e que é un documento de traballo e moi aberto en canto ás negociacións, sempre que se respecten os seguintes dous principios:

  • Legalidade (conformado pola LEPG, Decreto de Provisión e V Convenio).
  • Simplicidade (tendo en canta as funcionalidades que permita a aplicación e o que informe o Servizo de Informática da Consellería) co obxectivo de lograr unha redución dos tempos de Resolución.

Acórdase como prazo de alegacións ao documento ata o luns, 19 de xuño

Destácanse do documento facilitado as novidades máis destacables:

  • Todos os cursos son computables. As horas poderíanse baixar ata 12.
  • O límite temporal establécese en 2 anos, dado que se van a celebrar 2 concursos anuais, pero ábrese a posibilidade de ampliar o devandito prazo.
  • Suprímense as diferenciacións por curso.

Por parte de CSIF e con carácter previo á vista de que os dous principios negociadores son simplicidade e legalidade, maniféstase que está moi ben a simplicidade na tramitación, pero a “forma” non pode prevalecer sobre o “fondo” no sentido de que queden aspectos sen baremar en aras a priorizar os prazos de resolución. En canto ao principio de legalidade anunciado polo DXFP e dado que tamén se atopa anunciada a derrogación do Decreto 93/91, de Provisión, por un novo Decreto, nun prazo suponse que breve, reflexiónase sobre a posibilidade de basear este documento nas previsións que conteña a nova norma regulamentaria, en lugar de basearse (Grao Persoal, Titulacións..), nunha Norma con máis de 25 anos de vixencia e destinada a ser derrogada este ano.

O DXFP responde que o contido do novo Decreto será moi pouco “intervencionista” deixando moi aberta a posibilidade de negociar as Bases dos Concursos.

CONCURSOS DE TRASLADOS

DOCUMENTO DE TRABALLO SOBRE UNHA PROPOSTA DE BAREMO PARA PERSOAL FUNCIONARIO E PERSOAL LABORAL

OBXECTIVOS

  • Simplificar os trámites e procesos propios da xestión dos concursos.
  • Reducir tempos de resolución.
  • Adxudicación de prazas máis xusta agrupando nun único proceso de asignación de postos as fases inicial e de resultas.
  • Diminuír o número de reclamacións.
  • Potenciar a automatización dos procesos de cálculo.
  • Facilitar a emisión de certificados de experiencia.

PERSOAL FUNCIONARIO

PROPOSTA DE BAREMO ADMINISTRACIÓN XERAL PARA POSTOS NON ADSCRITOS A ESCALAS 

  1. Antigüidade (servizos prestados nas Administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como funcionario/a: 0,15 puntos.

A puntuación máxima da base XXX.1 será de 5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

  1. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:
  • Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de experiencia que se especifique adquirida coa condición de funcionario/a en postos de traballo pertencentes á mesma área funcional ca do posto solicitado: 0,25 puntos.
  • Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se mencione na RPT para o posto de traballo: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha.
  • Por estar en posesión do nivel de coñecementos da lingua estranxeira que se especifique para o posto de traballo, acreditado segundo o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas (MECR): 1 punto. No caso de que se mencione máis dun idioma só se valorará un.
  • Por estar en posesión do permiso de conducir valorable para o desempeño do posto de traballo: 0,75 puntos.

Para o suposto de coñecementos de idiomas acreditados por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados as equivalencias deberán ser aportadas polas persoas interesadas para os efectos de que este apartado sexa obxecto de valoración.

A puntuación máxima da base XXX.2 será de 3,5 puntos.

  1. Grao persoal.

Polo nivel 10 de grao consolidado e formalizado recoñecido: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,15 puntos

A puntuación máxima da base XXX.3 será de 4 puntos.

No suposto en que os/as funcionarios/as non teñan recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10 computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do grupo ao que pertenza o funcionario.

  1. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido dende o último posto de traballo obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación laboral e igualdade de xénero.

4.1. Traballo desenvolvido.

4.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a nos distintos grupos.

4.1.2. A determinación da puntuación realizarase a partir do cálculo do nivel de destino medio dos postos de traballo desempeñados como persoal funcionario durante a totalidade dos períodos de traballo desenvolvidos. Para os efectos de determinar o nivel de destino medio a contabilización dos períodos de traballo desempeñado realizarase en días.

Se o nivel medio de destino obtido consecuencia do cálculo tivese un valor decimal superior a 0,5 este redondearase ao alza.

Polo nivel 10 de destino medio: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,10 puntos

A puntuación do traballo desenvolvido realizarase atendendo ao posto ou postos de traballo efectivamente desempeñados, computándose, para estes efectos, o traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos ou adscrición provisional.

4.2. Tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo do corpo ou escala dende o que participa: 0,15 puntos.

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

4.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero

4.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.5

4.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.6.

A puntuación das alíneas 4.3.1 e 4.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

4.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes aos/ás funcionarios/as que estean gozando ou gozasen nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia, de ser o/a participante funcionario/a da Administración da Xunta de Galicia incluído no ámbito de competencias da Dirección Xeral da Función Pública, apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 4.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos

A puntuación máxima da base XXX.4 será de 5,5 puntos.

  1. Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a asistencia durante os últimos dous anos a cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP).

Para cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

  • A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
  • Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima da base XXX.5. será de 4 puntos.

  1. Grao de coñecemento do idioma galego

 

  1. a) Curso de CELGA 3 ou equivalente: 0,75 puntos.

 

  1. b) Curso de CELGA 4 ou equivalente: 1,50 puntos.

 

  1. c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou CELGA 5: 2,25 puntos

 

  1. d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos

 

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

A puntuación máxima da base XXX.6 será de 3 puntos.

  1. Polo grupo á que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:
  • Subgrupo A1: 5 puntos

  • Subgrupo A2: 4 puntos

  • Subgrupo C1: 3 puntos

  • Subgrupo C2: 2 punto

  • Agrupación profesional de persoal subalterno: 1 punto.

  1. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base III computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día XXXX (DOG nº XX, do XXXX). En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

  1. A puntuación mínima para poder adxudicar os postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I

PERSOAL LABORAL

PROPOSTA DE BAREMO

  1. Antigüidade (servizos prestados nas Administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral: 0,15 puntos.

A puntuación máxima da base XX.1 será de 5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

  1. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:
  • Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia que se especifique na RPT como mérito para desempeñar o posto de traballo: 0,20 puntos.
  • Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se mencione na RPT para o posto de traballo: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha.
  • Por posuír os coñecementos que se especifiquen, acreditados mediante a asistencia a cursos durante os últimos 2 anos, por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para o suposto de coñecementos de idiomas acreditados por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados as equivalencias deberán ser aportadas polas persoas interesadas para os efectos de que este apartado sexa obxecto de valoración.

De non especificarse o curso en concreto no anexo I, só se terán en conta aqueles cursos organizados e impartidos directamente polos organismos relacionados na base XX.4

Os coñecementos non se valorarán como mérito cando figuren no anexo I como requisito imprescindible para acceder ao posto.

A puntuación máxima da base XX.2 será de 3,5 puntos

  1. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido dende o último posto de traballo obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación laboral e igualdade de xénero.

Traballo desenvolvido.

  • Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral en idéntica categoría profesional: 0,50 puntos.
  • Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como persoal laboral en distinta categoría profesional: 0,25 puntos.

A puntuación máxima da base XX.3.1 será de 15 puntos.

  • Tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo.

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo no grupo e categoría dende o que participa: 0,20 puntos

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

A puntuación máxima da base XX.3.2 será de 5 puntos

3.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero

3.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XX.5

3.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XX.6.

A puntuación das alíneas 3.3.1 e 3.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

3.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes persoal laboral que estea gozando ou gozase nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia de ser o/a participante persoal laboral da Administración da Xunta de Galicia incluído no ámbito de competencias da Dirección Xeral da Función Pública, apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 3.3.3 non poderá superar os 1,1 puntos

A puntuación máxima da base XX.3 será de 21,1 puntos.

  1. Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a asistencia durante os últimos dous anos a cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP).

Para cada curso de duración igual ou superior a 20 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

  • A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
  • Os módulos ou partes integrantes dun curso.
  • Os cursos valorados na base XX.2. Se non fosen valorados por ter acadada a puntuación máxima da dita base aumentarán a puntuación da base XX.4 sempre que reunisen os requisitos ao efecto.

A puntuación máxima da base XX.4. será de 4 puntos.

  1. Grao de coñecemento do idioma galego

 

  1. a) Curso de CELGA 3 ou equivalente: 0,75 puntos.

 

  1. b) Curso de CELGA 4 ou equivalente: 1,50 puntos.

 

  1. c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou CELGA 5: 2,25 puntos

 

  1. d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos

 

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

  1. Xornada inferior á ordinaria en cómputo anual.

Pola ocupación dun posto a tempo parcial ou fixo descontinuo cando se opte a un posto con xornada completa doce meses ao ano: 3 puntos

  1. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base XX computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día XXXX (DOG nº XX, do XXXX). En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

Nos concursos de traslados abertos a persoal laboral estes se resolverán mediante a aplicación aos aspirantes do baremo de méritos e tendo en conta a preferencia ou preferencias establecidas no Convenio colectivo.

O persoal laboral poderá concursar a todas as categorías do mesmo grupo sempre que o/a interesado/a posúa a titulación e demais requisitos para poder participar.