Alegacións á proposta da DXFP sobre baremos para concurso de traslados do persoal laboral

ALEGACIÓNS Á PROPOSTA DE FUNCIÓN PÚBLICA SOBRE BAREMOS PARA CONCURSO DE TRASLADOS DO PERSOAL LABORAL

Dende CSIF consideramos que, para unha negociación real e efectiva, debemos dispor das BASES correspondentes a este proceso de provisión, pois o contrario supón non dispoñer de toda a información completa que debe rexer o referido concurso,o que implica a súa vez facer achegas a unhas condicións ou clausurado que en última instancia se descoñece. Neste senso e a modo de exemplo, descoñécese en canto ao cambio de categoría se a valoración da experiencia vai a computar dende a categoría da que se concursa ou da categoría á que se opta, o que evidentemente ten unha enorme repercusión respecto dos baremos propostos.

En consecuencia e polo exposto, solicitamos que, como paso previo á negociación destes baremos, se nos faciliten AS BASES COMPLETAS que o rexerán.

Non obstante e tendo en conta o manifestado con anterioridade, tras unha primeira análise da proposta de baremos facilitada, dende CSIF consideramos fundamental que, cando menos, se teñan en conta as seguintes premisas na súa confección:

1.-En canto ó baremo establecido para os diferentes apartados no que se computa a puntuación tendo en conta cada ano ou fracción superior a 6 meses, solicitamos que dita valoración se compute por mes e non por ano ou fracción superior a 6.

2.- No referido ó apartado de cursos de formación e perfeccionamento:

  1. Solicitamos que non se supedite a súa valoración a unha determinada vixencia temporal, é dicir, que sexan puntuables todos os cursos independentemente da data da súa realización.
  2. Solicitamos que todos os cursos sexan computables dende as 10 horas.
  3. En canto aos cursos a valorar, solicitamos que se inclúa o seguinte texto en detrimento do que se propón: “Valorarase a asistencia ós cursos organizados, impartidos ou homologados directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades públicas, Servizos Públicos de Emnprego, así como a formación impartida por distintos órganos da Administración Autonómica de Galicia e os cursos impartidos no marco do acordo de Formación para o Emprego das Adminisraciones Públicas (AFEDAD).”
  4. Solicitamos tamén, que neste apartado se inclúan os seguintes dous subapartados, cunha puntuación específica para:
  • Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática.
  • Titulación académica de igual nivel ou superior que non fose acreditada como requisito de acceso ao posto.

3.- En canto ao apartado que establece os méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo, solicitamos a supresión de todo este apartado, toda vez que os méritos que se priman son en realidade uns requisitos, experiencia ou especialidades esixibles á confección discrecional dun determinado posto de traballo . Do mesmo xeito e en consecuencia, solicitamos que a puntuación resultante deste apartado se redistribúa nos novos subapartados de formación e perfeccionamenteo indicados con anterioridade e no apartado da antigüidade, dándolle un maior peso porcentual a este último apartado (antiguidade).

 En definitiva e a modo de resume, reiteramos a nosa solicitude de que se nos faciliten as BASES COMPLETAS que rexerán o concurso de traslados do persoal laboral, coa finalidade de poder presentar unhas alegacións concretas e específicas a esta proposta de baremos facilitada.

CSIF, 22 de xuño de 2017