Os sindicatos dos Bombeiros Forestais pedimos a dimisión da conselleira de Medio Rural por falsear datos e a mala xestión dos incendios

A Conselleira de Medio Rural aporta datos falsos no Parlamento Galego.

CIG, CCOO, CSIF e UGT principais sindicatos do colectivo de bombeiros forestais da Xunta de Galicia reclaman a dimisión da Conselleira de Medio Rural e o Director Xeral de Ordenación Forestal pola súa manifesta incompetencia na xestión do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais na vaga de lumes destes últimos días e por falsear datos no Parlamento.

Pola falta de veracidade na comparecencia da Conselleira no Parlamento de Galicia:

A Conselleira falta á verdade cando fala de 5.600 efectivos que loitaron contra o lume durante o mes de outubro “cantidade de efectivos histórica”, segundo afirma, cubríndose baixas e vacacións do persoal.

A realidade é ben distinta, esa cantidade de efectivos non son reais, pero se venden moi ben politicamente á cidadanía. Ano tras ano, no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) aparecen os mesmos datos, sen embargo non todos os Concellos de Galicia subscriben os Convenios coa Xunta cada ano. Como é entón que os datos son os mesmos todos os anos? ou que se fale de 5.600 efectivos cando houbo Concellos que remataron o día 30 de setembro a súa prestación de servizo? Ou cando non se cobren as vacantes, baixas e vacacións do persoal propio da Xunta?

Por outra banda a maioría de brigadas de bombeiros forestais da Xunta de Galicia están incompletas, proba evidente a gran cantidade de prazas vacantes e por baixas médicas ou vacacións ordinarias sen cubrir. Aquí, a Conselleira volve faltar á verdade, dicindo que se cubriron baixas e vacacións durante o mes de outubro, NUNCA, aludindo a cuestións orzamentarias, se quixeron cubrir baixas e vacacións na Consellería de Medio Rural (noutras como Política Social si se fai). No mes de outubro e despois de verse coa auga ao pescozo so se cubriron 21 prazas entre vacacións e baixas médicas o que supón un 10% do total.

Xa no mes de agosto todas as OO.SS. advertimos á Consellería desta falta de medios e da situación de risco e extrema gravidade que se podía producir se a climatoloxía non acompañaba a causa do gran incendio de Vilamaior no distrito XIV de Verín – Viana e onde se tivo que cortar a autovía A52. Neste senso, os representantes dos traballadores:

  • Esiximos que se faga unha auditoría independente onde se cuantifique o dispositivo real do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais.
  • Que se aclare a toda a cidadanía canto se está gastando en extinción de incendios e canto en prevención.
  • Que se aclare cantos millóns de euros se está gastando en medios aéreos, mecánicos e humanos xestionados por empresas privadas destinados a extinción.

Pola incompetencia na xestión do dispositivo contra incendios:

Con 4 vítimas mortais a causa dos lumes e un balance de 35.500 ha. queimadas no mes de outubro máis 12.600 ha. dende xaneiro ata setembro, é vergonzoso ver como de novo un Goberno da Xunta de Galicia intenta tapar a súa responsabilidade (un mando único debilitado pola fragmentación do dispositivo, desorganización e falta de medios) tras supostas tramas incendiarias e mafias organizadas.

Lamentablemente incendios sempre os houbo e de seguro seguiremos a sufrilos. Algúns provocados e outros non. E a obriga dos responsables do dispositivo é previr e minimizar os seus efectos.

Neste senso, un modelo de xestión forestal obsoleto, o mesmo dende hai 30 anos, cun evidente cambio meteorolóxico onde non so se concentran unha gran cantidade de incendios durante os meses de verán, unha regresión demográfica no medio rural, o abandono das explotacións agro gandeiras, a proliferación de infraestruturas nos montes que favorecen o incremento de visitantes, a escasa valoración do monte por parte da sociedade, á desaparición de masas naturais de árbores autóctonas caducifolias, a diminución do pastoreo ou o uso neglixente do lume como práctica cultural na agricultura, fan que sexa necesario un cambio de modelo forestal.

Neste novo modelo, cen por cen público e baseado na prevención e nas emerxencias, tería cabida un colectivo de traballadores estable durante os 12 meses do ano e NON baseado na extinción, vixilancia e detección durante 3 meses na época estival.

Agradecemento a todos os compañeiros/as:

Que con medios precarios, con falta de efectivos, pero con dedicación, compromiso e profesionalidade evitaron maiores traxedias humanas e materiais nestes últimos días.