Proposta de acordo da Administración para os Axentes Forestais e Medioambientais

Proposta de acordo da Administración para os Axentes Forestais e Medioambientais, á que poderán presentarse alegacións ata as 14:00 horas do día 13 de novembro.

«Acordo entre a Xunta de Galicia a través das Consellerias de Facenda, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a do Medio Rural e as Organizacións Sindicais ………………………………. polo que se establece o réxime de prestación de servizos, horario, vacacións licenzas e permisos e compensacións a percibir polo persoal da escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta subgrupo C2, e do corpo técnico de carácter facultativo da Xunta subgrupo C1, e a que percibirá o corpo de axentes técnicos en xestión medioambiental grupo B.

A Orde de 21 de marzo de 2005 adaptábase ás circunstancias concorrentes no momento da súa entrada en vigor, pero dado o tempo transcorrido a experiencia acadada e o cambio de circunstancias no relativo ao desempeño das súas funcións por parte do colectivo é aconsellable ditar unha nova orde. Para ese efecto e tras un proceso negociador cos representantes sindicais do colectivo e logo do acordo acadado na mesa xeral de negociación e do informe favorable da comisión de persoal, as partes asinantes

ACORDAN

Capítulo I Réxime de prestación de servizos

Artigo 1º

Divídese o ano natural en dous períodos, un ordinario e outro extraordinario, con dous cadrantes de servizos, un por cada período, que deben quedar establecidos no último trimestre do ano anterior. No caso do período extraordinario elaborarase igualmente para todo o ano.

Artigo 2º

1.-Para o persoal adscrito á defensa de incendios forestais o período extraordinario terá unha duración máxima de seis meses ao ano que comprenderá o período declarado de época de máximo risco de incendios forestais ao que se poderán engadir os períodos a determinar pola dirección xeral competente.

Para o persoal adscrito ao servizo de protección da natureza o período extraordinario comprenderá como máximo os meses de xullo, agosto e setembro mais 90 dias a determinar pola dirección xeral competente.

2.-En cada distrito estableceranse gardas de axentes forestais, necesarios para atender a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais e calquera outra continxencia que se produza, reflectidas no correspondente cadrante anual. A duración da garda será de 12 horas continuadas de presenza física.

3.-Servizos máximos no período extraordinario:

  • As gardas en fin de semana realizaranse en fins de semana alternas.
  • 16 gardas ao mes.

Artigo 3º

1.-O período ordinario comprende todo o ano agás o período. Neste período realizaranse quendas de luns a venres e gardas de fin de semana conforme a cadrantes para 6 semanas e 6 axentes nos que se incluirá diariamente unha quenda de tarde-noite.

2.-A duración da quenda será de 7 horas durante toda a duración do período ordinario. Esta xornada ou quenda se se realiza pola mañá terá que rematar antes das 15.00 horas e, se se realiza pola tarde non poderá iniciarse antes das 14.00 horas. No caso de quendas de noite o seu inicio non poderá ter lugar antes das 21.00 horas, nin máis tarde das 24.00 horas e rematará non mais tarde das 7.00 horas.

O cómputo da xornada comezará a contarse coa presenza do axente forestal no lugar de referencia establecido.

Cando por necesidade da continuidade do servizo que se estea prestando sexa preciso seguir ata rematalo, prolongarase a xornada de traballo o tempo necesario ata un máximo de catro horas, o número máximo de horas acumuladas non poderá exceder 8 ao mes. No caso de prolongación de xornada, por cada hora prolongada respecto á xornada fixada diminuirase en 1.50 horas, se se realiza en horario diurno ou en 2 horas se se realiza en horario nocturno, a duración doutra ou doutras xornadas ordinarias no mesmo trimestre, tendo en conta a petición do interesado e as necesidades do servizo.

3.-As gardas de fin de semana e festivos serán de 12 horas continuas de presenza física.

4.-Servizos máximos no período ordinario:

  • 4 gardas en fins de semana completas cada oito semanas en cómputo anual, e nunca en dúas fins de semana consecutivas.
  • 5 quendas de tarde-noite cada 6 semanas, estas quendas de tarde-noite realizaranse todas dentro dunha mesma semana.

5.-Para o persoal das escalas declarado non apto ou apto con restricións para participar na extinción de incendios forestais só se fixará un cadrante en réxime de prestación de servizos de período ordinario para todo o ano.

Artigo 4º

As gardas para realizar en festivo non superarán cinco ao ano por axente, para ese efecto terase en conta que computan tanto as realizadas no período ordinario como no extraordinario.

Capítulo II Horarios

Artigo 5º

1.-O persoal da escala realizará o seu traballo entre as 00.00 e as 24.00 horas, en función dos horarios que se fixen, nos que se determinarán os efectivos necesarios para atender os servizos en sábados, domingos e festivos. O mencionado persoal gozará dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas, agás que por cambio de cadrantes as necesidades de rotación do persoal non o permitan, neste suposto compensarase nos descansos semanas seguintes.

2.-Os cadros de servizos que fixen quendas e gardas serán confeccionados con carácter anual e postos en coñecemento do persoal afectado, axustándose periodicamente pola Administración os horarios das quendas, conforme as necesidades dos servizos, cunha antelación mínima de 4 días hábiles.

3.-Na fixación dos horarios en período extraordinario terase en conta o cómputo anual establecido na lexislación vixente en materia de emprego público, sen prexuízo do establecido nesta orde en relación coa prolongación da xornada.

4.-No caso de que o horario da realización de gardas comprenda integramente os períodos entre as 13.00 e as 15.00 horas e/ou as 21.00 e 23.00 horas, o persoal disporá dunha hora en cada período para comer ou cear, sempre e cando a xornada de traballo se inicie polo menos unha hora antes ou remate unha hora despois dos períodos sinalados e iso non supoña a desatención do servizo. Para tal fin estableceranse as quendas que procedan.

Capítulo III Vacacións, licenzas e permisos

Artigo 6º

1.-O persoal da escala poderá gozar de 15 días naturais consecutivos de vacacións, no período comprendido entre o 16 de xuño e o 30 de setembro, iniciándose o gozo os días 1 e 16 dos meses incluídos no período, distribuíndose entre os efectivos de maneira que se garanta a cobertura dos servizos de xeito rotacional. As restantes vacacións gozaranse fóra dos meses antes sinalados, de acordo co previsto nos cadrantes.

2.-O persoal da escala gozará dun descanso adicional de dez días naturais e consecutivos fóra do período extraordinario, como compensación pola súa adaptación aos cadrantes horarios que se establezan.

Este descanso gozarase de forma continuada por petición dos interesados e a súa concesión quedará supeditada á planificación do distrito, sendo acumulable as vacacións para gozar fóra da época de alto risco conforme os cadrantes establecidos.

3.-As licenzas e permisos serán as establecidas con carácter xeral para os funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa concesión estará modulada polas súas especiais condicións de prestación de servizo. Os cadros teóricos do período extraordinario para a Semana Santa e Nadal confeccionaranse tendo en conta que ata un 33% do persoal da escala poderá estar gozando vacacións, licenzas ou permisos.

Capítulo IV Compensación económicas

Artigo 7º

Con efectos do 1 de xaneiro de 2018, o persoal da escala percibirá a cantidade de 24 euros pola garda realizada efectivamente durante o período extraordinario. A mencionada contía experimentará os incrementos previstos nas leis de orzamentos para as retribucións dos empregados públicos da Xunta de Galicia a partir dos sucesivos exercicios económicos.

Capítulo V Comisión de seguimento

Artigo 8º

Créase unha comisión de seguimento do disposto nesta orde que estará integrada por un máximo de dous representantes de cada unha das organizacións sindicais asinantes e igual número de representantes das consellerías con persoal destas escalas. Estes últimos serán designados polas secretarías xerais técnicas das consellerías afectadas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde da consellería de Medio Ambiente do 20 de marzo de 2005 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas do persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Primeira. A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación, sen prexuízo dos seus efectos económicos que serán a partires do día un de xaneiro de 2018.

Segunda. O presente acordo publicarase como Orde conxunta das consellerias de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural».