Última proposta de Función Pública para o baremo do concurso de traslados para persoal funcionario

Documento de traballo referente ao concurso de traslados proposto por Función Pública. O prazo para presentar alegacións ao texto finaliza o luns, 13 de novembro, ás 14.00 horas.

CONCURSOS DE TRASLADOS

DOCUMENTO DE TRABALLO SOBRE UNHA PROPOSTA DE BAREMO PARA PERSOAL FUNCIONARIO

OBXECTIVOS

  • Simplificar os trámites e procesos propios da xestión dos concursos.
  • Reducir tempos de resolución.
  • Adxudicación de prazas máis xusta agrupando nun único proceso de asignación de postos as fases inicial e de resultas.
  • Diminuír o número de reclamacións.
  • Potenciar a automatización dos procesos de cálculo.
  • Facilitar a emisión de certificados de experiencia.

PERSOAL FUNCIONARIO

PROPOSTA DE BAREMO ADMINISTRACIÓN XERAL PARA POSTOS NON ADSCRITOS A ESCALAS 

1.-Antigüidade (servizos prestados nas Administracións públicas):

Por cada mes de servizos como funcionario/a: 0, 0175 puntos.

A puntuación máxima da base XXX.1 será de 6,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

2.- Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:

  1. Por cada mes de servizos como funcionario/a en postos de traballo pertencentes á mesma área funcional ca do posto solicitado: 0,02 puntos.
  2. Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se mencione na RPT para o posto de traballo: 1 punto. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha.
  3. Por estar en posesión do nivel de coñecementos da lingua estranxeira que se especifique para o posto de traballo, acreditado segundo o Marco Europeo Común de Referencia para as linguas (MECR): 1 punto. No caso de que se mencione máis dun idioma só se valorará un.
  4. Por estar en posesión do permiso de conducir valorable para o desempeño do posto de traballo: 0,75 puntos.

Para o suposto de coñecementos de idiomas acreditados por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados as equivalencias deberán ser aportadas polas persoas interesadas para os efectos de que este apartado sexa obxecto de valoración.

A puntuación da alínea 2.1 non poderá superar os 3,2 puntos.

A puntuación máxima da base XXX.2 será de 3,5 puntos.

3.-Grao persoal.

Polo nivel 10 de grao consolidado e formalizado recoñecido: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,15 puntos

A puntuación máxima da base XXX.3 será de 4 puntos.

No suposto en que os/as funcionarios/as non teñan recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10 computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do grupo ao que pertenza o/a funcionario/a.

4.-Traballo desenvolvido, tempo transcorrido dende o último posto de traballo obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación laboral e igualdade de xénero.

4.1 Traballo desenvolvido.

4.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a nos distintos grupos.

4.1.2. A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo do mesmo ou diferente nivel de destino como consecuencia de aplicar a seguinte fórmula.

Traballo desenvolvido = (T1P1 + T2P2 + … + Tn*Pn)

Onde:

  • Ti referencia o tempo total de traballo desenvolvido nun nivel de destino concreto (i) expresado en meses
  • i referencia a puntuación asignada ao nivel de destino (i) segundo o seguinte criterio:

Polo nivel de destino 10: 0,001 puntos.

Por cada unidade de nivel de destino que exceda de 10: 0,001 puntos, ata un máximo de 0,020 puntos.

O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do funcionario.

4.2. Tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

Por cada mes de servizos de tempo transcorrido dende a última adxudicación dun posto con carácter definitivo do corpo ou escala dende o que participa: 0,0125 puntos.

Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

4.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero

4.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.5

4.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos por coidado de fillos/as ata que cumpran 12 anos, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción ou acollemento permanente ou preadotivo, para acceder aos postos situados na localidade onde radique o domicilio familiar e sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base XXX.6.

A puntuación das alíneas 4.3.1 e 4.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

4.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes aos/ás funcionarios/as que estean gozando ou gozasen nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia, de ser o/a participante funcionario/a da Administración da Xunta de Galicia incluído no ámbito de competencias da Dirección Xeral da Función Pública, apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 4.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos

A puntuación máxima da base XXX.4 será de 5,5 puntos.

5.-Cursos de formación e perfeccionamento.

Valorarase a asistencia e, de ser o caso, a superación durante os últimos 10 anos de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP).

Tamén serán obxecto de valoración aqueles cursos versados en materias de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia do xénero e de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral impartidos por aqueles órganos de calquera administración pública, estatal ou autonómica, con competencia formativa nestas materias.

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación deste apartado estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

  • A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.
  • Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima da base XXX.5. será de 4 puntos.

6.-Grao de coñecemento do idioma galego:

  1. a) Curso de CELGA 3 ou equivalente: 1,25 puntos.
  2. b) Curso de CELGA 4 ou equivalente: 2,00 puntos.
  3. c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou CELGA 5: 2,75 puntos.
  4. d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3,50 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

A puntuación máxima da base XXX.6 será de 3,5 puntos.

7.-Polo grupo á que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:

  • Subgrupo A1: 5 puntos
  • Subgrupo A2: 4 puntos
  • Subgrupo C1: 3 puntos
  • Subgrupo C2: 2 punto
  • Agrupación profesional de persoal subalterno: 1 punto.

8.-A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base III computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día XXXX (DOG nº XX, do XXXX). En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

9.-A puntuación mínima para poder adxudicar os postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.

Documentos anteriores relativos ás propostas de baremos: