Achégase un breve resume da reunión do 19/06/2018 celebrada entre as OO.SS e os representantes da Vicepresidencia e C. Presidencia e AA.PP, no que se recolle o máis salientable respecto da proposta de modificación da RPT deste departamento.
Os representantes da Administración informan de diversos cambios que non constan na memoria, que son:
- Inclusión dun plus de dispoñibilidade a un posto de perito xudicial en execución de sentenza.
- Engádese un novo posto de traballo froito da elección do proceso selectivo de diminuídos psíquicos (que estaba pendente de elección da localidade).
- A existencia de erros na codificación dos códigos 640 e 641 nos postos abertos a C1/C2, que se procederá a pulir.
Como unha primeira valoración, dende CSIF e con carácter xeral, formulamos unha serie de achegas a esta proposta, sen prexuízo daquelas outras formulacións específicas que poidamos presentar ó longo deste proceso negociador.
En primeiro lugar, solicitamos un prazo de alegacións para que de tempo ós traballadores e traballadoras afectados a estudar e valorar esta proposta e poder trasladar achegas ós seus representantes e poder así formular alegacións específicas, de selo caso, a aquelas cuestións demandadas. A Administración comunica un prazo de alegacións ata o vindeiro 25-06-2018.
Polo que respecta á referida proposta, estrutúrase nos seguintes tres grandes bloques:
1.- Modificacións derivadas da aplicación dos criterios establecidos na Resolución da Consellería de Facenda de 25-02-2016 (provisión de postos por LD en virtudes de criterios de excepcionalidade):
Proponse a provisión de 48 postos de traballo mediante LD ó abeiro dos diferentes criterios de excepcionalidade. Neste senso,dende CSIF seguimos mantendo que todos os postos, con carácter xeral, sexan provistos por Concurso, xa que entendemos que non cabe unha interpretación xeral duns criterios acoutados e restritivos, e en todo caso, só nalgúns casos singularmente específicos, especiais e motivados, podería estar claramente xustificada a excepcionalidade recollida nalgún dos referidos criterios.
2.-Modificacións motivadas pola modificación do Decreto de estrutura:
- En canto ós cambios derivados da adscrición de determinados postos dunha unidade administrativa a outra, mantendo as súas características e condicións, dende CSIF entendemos que esta fase (modificación da estrutura) debería ser previa á modificación da RPT, pois esta última debe adaptarse ó referido cambio operado no decreto de estrutura. Así e todo, no que atinxe única e exclusivamente reestruturación orgánica supeditámola a unha mera reorganización interna, pero na que entendemos que procedería dar traslado e información para a súa valoración e opinión ó persoal implicado xunto coa xunta de persoal e ás respectivas seccións sindicais do ámbito administrativo afectado, por ser o ámbito concreto coñecedor das necesidades propias da organización.
- Persoal de Rexistro: Tal e como se expón na memoria, prodúcense diversos cambios na estrutura deste departamento motivados pola carga de traballo nas diversas unidades administrativas afectadas.
Nesta liña, dende CSIF entendemos que a referida carga de traballo ten unha afectación directa no incremento de funcións, tarefas e responsabilidades froito do forte proceso de dixitalización consecuencia da implantación da Lei 39/2015 para o persoal dos rexistros (emisión certificados FNMT e Chave 365, trámites de sinatura electrónica, presentación electrónica de documentos, entre outros). Por tal motivo, solicitamos a revisión do complemento específico e pluses, de selo caso, para o seu axuste retributivo a estas novas condicións. Do mesmo xeito, solicitamos que se cataloguen todas as prazas, tanto de persoal laboral como funcionario, como prazas con horario especial, de xeito que en todas elas se aplique o complemento específico ou plus correspondente.
3.-Outras modificacións incluídas na RPT (creacións, amortizacións e execución de sentenzas):
- Dende CSIF solicitamos a homoxeneidade das retribucións dos condutores do Parque Móbil da Vicepresidencia en virtude da aplicación do principio de mesma retribución ante mesmas funcións, dado a homoxeneidade das súas condicións e tarefas. Así, como primeira medida, solicítase a inclusión nesta RPT de todos os pluses de dispoñibilidade horaria para todos os postos de condutores, supeditada a súa aceptación expresa polos traballadores e avogamos polo inicio dun proceso de negociación para a homoxeneidade dos condutores nunha soa categoría profesional.
- En canto á proposta de 25 postos de traballo para a súa amortización, dende CSIF entendemos que non procede dita proposta, toda vez que non se xustifica nin motiva na memoria a referida proposta e máxime cando algunha destas prazas estaban ocupadas en comisións de servizos. No que atinxe á amortización de postos de traballado de limpador/as baseados en que son postos con xornada moi reducida (2 h, 4 h, etc), entendemos que esta prestación hai que seguir facéndoa, polo que o único que se fai con esta medida é externalizar o servizo. Así, o que propoñemos dende CSIF é a agrupación das horas dos diversos postos de traballo obxecto de amortización no número de postos a xornada completa que correspondan agrupados por áreas xeográficas e/ou territoriais.
- Polo que respecta ó encadre de determinados postos de traballo en áreas funcionais, dende CSIF seguimos mantendo o criterio xeral achegado respecto da negociación de todas as RPTs, no que entendemos que non procede o acoutamento ou encasillamento de postos, toda vez que limita a mobilidade e/ou promoción dos funcionarios públicos.
- No relativo a adscrición de dous traballadores/as (persoal laboral indefinido) a un posto do subgrupo C2 e A1 respectivamente , solicitamos a súa creación respectando o seu réxime xurídico e clasificación (persoal laboral) así como proceder á identificación da antigüidade na prestación dos servizo, xa que no caso de dispor dunha antigüidade anterior a 01-01-2005, procede a súa incorporación á DTª10 do V Convenio Colectivo do Persoal da Xunta de Galicia.