Proposta de Orde do réxime de prestación de servizos das escalas de axentes forestais e facultativos medioambientais

A D.X. de Función Pública convócanos a unha reunión que terá lugar o vindiro mércores, día 11, ás 11.30 horas, para abordar a Proposta de ORDE  pola que se establece o réxime de prestación de servizos das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientaisO prazo para presentar alegacións finaliza o luns, 9 de xullo, ás 14.00 horas.

CONSELLERÍAS DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO E DE MEDIO RURAL.

ORDE do ___________ de 2018 pola que se establece o réxime de prestación de servizos das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais.

DISPOÑO:

Capítulo I  Disposicións xerais

Artigo 1 Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto regular o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas, permisos e compensacións económicas do persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia.

Artigo 2 Períodos de prestación de servizos

O ano natural divídese en dous períodos de prestación de servizos: un ordinario e outro extraordinario. No último trimestre do ano anterior estableceranse dous cuadrantes de servizos: un para o período ordinario e outro para o período extraordinario. O cuadrante do período extraordinario fixarase para todo o ano natural.

Artigo 3 Quendas en día festivo.

As quendas de prestación efectiva de servizos en día festivo non superarán o número de 5 ao ano por axente, computándose para estes efectos tanto as quendas en festivo realizadas en período ordinario como extraordinario.

Capítulo II  Réxime de prestación de servizos durante o período ordinario.

Artigo 4  Período ordinario.

1.- O período ordinario comprende todo o ano, excepto o definido, no seu caso, como período extraordinario. Neste período realizaranse de luns a venres quendas de prestación efectiva de servizos de mañá e tarde. Tamén se realizará unha quenda diaria de prestación efectiva de servizos durante cada día do fin de semana e festivo. Para estes efectos, terán a consideración de festivos os días 24 e 31 de decembro.

3.- A duración das quendas de mañá e tarde de luns a venres durante o período ordinario será de 7 horas. A quenda de mañá non poderá finalizar antes das 15.00 horas, a da tarde non poderá comezar antes das 14.00.

4.- A duración da quenda de fin de semana e festivo será de 12 horas, con prestación efectiva de servizos entre as 8,00 e as 20,00 horas.

5.- Se por necesidades de servizo é necesario prolongar a xornada de traballo durante as quendas de mañá e tarde, de luns a venres, o axente seguirá prestando continuadamente o servizo ata un máximo de 4 horas, sen que o numero de horas acumuladas ao mes poida exceder de 8. Cada hora prolongada compensarase cunha diminución de xornada no mesmo trimestre de 1,50 horas.

Artigo 5 Quenda de dispoñibilidade nocturna

1.- Durante o período ordinario, na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais establecerse quendas nocturnas de dispoñibilidade durante todos os días do período, fins de semana incluído. Excepcionalmente, tamén se poderán establecer estas quendas nocturnas de dispoñibilidade na consellería competente en materia de patrimonio natural.

2.- A quenda de dispoñibilidade nocturna en día laborable será de 10 horas. A dispoñibilidade implicará estar en disposición de acudir ao centro de coordinación nun tempo máximo de 30 minutos. A duración da quenda nocturna de dispoñibilidade de fin de semana e festivo será de 12 horas, comprendida entre as 20,00 e as 8,00 horas, e co mesmo tempo de resposta previsto para os días laborables.

3.- As horas que por necesidades do servizo se presten durante a quenda de dispoñibilidade nocturna compensaranse cunha diminución de xornada de 2 horas, de ser posible, durante o mesmo trimestre.

Artigo 6  Servizos máximos durante o período ordinario:

Durante o período ordinario os servizos máximos por axente serán os seguintes:

  • 4 quendas de prestación efectiva de servizos en fin de semana completos cada 8 semanas en cómputo anual e nunca en fins de semana consecutivos.
  • 5 quendas de dispoñibilidade nocturna cada 6 semanas, cada unha das cales se realizarán dentro da mesma semana natural.

Capítulo III  Réxime de prestación de servizos durante o período extraordinario.

Artigo 7 Período extraordinario na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais.

1.- Con carácter xeral, o período extraordinario na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais será de catro meses, que comprenderá en todo caso os meses de xullo, agosto e setembro, correspondentes co período de tempo declarado como época de perigo alto de incendios. O mes adicional decidirao o centro directivo competente en materia de incendios forestais e poderá fraccionarse como máximo nun período de 15 días e en dous de oito e sete días, respectivamente. O inicio de cada un destes períodos adicionais anunciarase con dous días de antelación, sempre que as circunstancias o permitan.

2.- En cada distrito estableceranse as quendas de axentes facultativos medioambientais necesarios para atender durante todos os días e horas do período extraordinario a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais e calquera outra continxencia que se produza. A duración da quenda será de 12 horas continuadas de presenza física.

3.- Os servizos máximos no período extraordinario serán de 16 quendas mensuais. As quendas en fin de semana realizaranse en fins de semana alternos.

4.- Con carácter extraordinario, en caso de emerxencia ou sempre que o perigo alto de incendios o requira, poderase dispoñer mediante resolución da secretaría xeral técnica, por proposta do centro directivo competente en materia de incendios forestais, a prestación de servizo dos axentes segundo o cuadrante do período extraordinario polo período máximo dun mes adicional aos dos fixados no apartado 1 deste artigo, que se poderá fraccionar nos períodos que se requiran. O inicio de cada un destes períodos extraordinarios anunciarase con dous días de antelación, sempre que as circunstancias o permitan.

5.- No suposto de persoal da escala que teña restrinxidas ou sexa non apto para realizar funcións de extinción, o réxime de prestación de servizos será o do período ordinario e só poderán realizar quendas de fins de semana e festivos comprendidos dentro deste período ordinario.

Artigo 8 Período extraordinario na consellería competente en materia de patrimonio natural.

1.- De forma excepcional, en caso de emerxencia ou ante necesidades do servizo sobrevidas, a consellería competente en materia de patrimonio natural, mediante resolución do órgano directivo con competencias na materia, poderá establecer un período extraordinario de servizos fora das franxas horarias establecidas dentro do período ordinario.

Este período extraordinario non poderá ser superior a catro meses en cómputo anual.  O inicio de cada período anunciarase con 15 días de antelación sempre que as circunstancias o permitan.

2.- En cada distrito estableceranse as quendas de axentes facultativos medioambientais necesarios para atender durante todos os días e horas do período extraordinario calquera continxencia que se produza. A duración da quenda será de 12 horas continuadas de presenza física.

3.- Os servizos máximos no período extraordinario serán de 16 quendas mensuais. As quendas en fin de semana realizaranse en fins de semana alternos.

4.- En caso de adscrición temporal do persoal á consellería competente en materia de extinción de incendios forestais durante o período extraordinario fixado por esta, atenderase ao disposto para o persoal adscrito á mesma, no artigo 7.

Capítulo IV Réxime de descansos, vacacións, licenzas e permisos.

Artigo 9 Réxime de descansos e horarios.

1.- Os axentes gozarán dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas, agás que, por cambio de cuadrante, as necesidades de rotación do persoal non o permitan, compensándose neste suposto o descanso non gozado nos descansos semanais seguintes.

2.- Os cuadrantes de quendas confeccionaranse con carácter anual, serán públicos e dados a coñecer ao persoal afectado. A administración poderá axustar periodicamente os horarios das quendas se o esixisen as necesidades do servizo, o que se poñerá en coñecemento do persoal afectado cunha antelación mínima de 4 días hábiles

3.- O persoal que preste servizo en quendas que comprendan integramente os períodos comprendidos entre as 13 e as 15 horas e entre as 21 e 23 horas terán dereito a dispoñer dunha hora en cada un deses períodos para xantar ou cear, sempre e cando a xornada de traballo se inicie ou finalice unha hora antes ou despois dos mencionados períodos e non resulte desatendido o servizo. Para facilitar este dereito procurarase establecer as quendas que proceda.

Artigo 10 Vacacións, licenzas e permisos do persoal da escala incluído nos cuadrantes do período extraordinario.

1.- O persoal das escalas incluído nos cuadrantes do período extraordinario só poderá gozar de 11 días hábiles consecutivos de vacacións durante o período extraordinario. Este período iniciarase os días 1 ou 16 do mes correspondente e a súa distribución entre os efectivos realizarase de forma que se garanta a cobertura do servizo de xeito rotativo. Os restantes períodos de vacacións gozaranse durante o período ordinario, segundo o previsto nos cuadrantes.

2.- O persoal das escalas incluído nos cuadrantes do período extraordinario gozará dun descanso adicional máximo de 10 días naturais consecutivos fóra do período extraordinario,  en compensación pola súa adaptación aos cuadrantes horarios establecidos. A súa concesión será proporcional ao número de días efectivamente traballados durante o período extraordinario establecido nos artigos 7 e 8, e estará supeditado á planificación do servizo no distrito e será acumulable ás vacacións concedidas fóra do período extraordinario

3.- As licenzas e permisos serán as establecidas con carácter xeral para os funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia, pero a súa concesión estará modulada polas especiais condicións de prestación de servizos dos axentes facultativos medioambientais.

4.- Os cuadrantes teóricos do período extraordinario para a Semana Santa e Nadal confeccionaranse tendo en conta a posibilidade de que ata un 33% do persoal da escala poderá estar gozando de vacacións, licenzas ou permisos.

Capítulo V Compensacións económicas

Artigo 11 Complemento de produtividade.

O persoal das escalas percibirá a cantidade de 405 €  mensuais en concepto de complemento de produtividade, a percibir pola prestación efectiva de servizos nas quendas establecidas para o período extraordinario, que se rateará proporcionalmente ao número de quendas efectivamente realizadas en relación co número máximo fixado nos artigos 7.3 e 8.3.

Artigo 12 Complemento de gratificacións por servizos extraordinarios.

Os servizos prestados en réxime de quendas de período extraordinario de conformidade co disposto no artigo 7.4 desta orde terán a consideración de servizos extraordinarios realizados fóra da xornada normal e compensaranse coa percepción dun complemento de gratificación por servizos extraordinarios fixados nas seguintes contías:

  • 54,08 € por quenda realizada en día laborable.
  • 81,11 € por quenda realizada en fin de semana ou festivo.

Artigo 13 Revalorización das contías establecidas para os complementos retributivos.

As contías fixadas nesta orde para o complemento de produtividade e para o de gratificacións por servizos extraordinarios experimentarán os incrementos establecidos nas leis de orzamentos para as retribucións dos funcionarios públicos da Xunta de Galicia para os sucesivos exercicios.

Artigo 14  Indemnizacións por razón de servizo.

As quendas de prestación efectiva de servizos de 12 horas do período extraordinario darán lugar a percibir a indemnización por razón de servizo correspondente e que se concreta en media axuda de custo por manutención.

Capítulo V  Mobilidade funcional.

Artigo 15.- Mobilidade funcional

1.- O persoal das escalas con destino na consellería competente en materia de extinción de incendios e que teña restrinxidas ou sexa non apto para realizar funcións de extinción ou aquel ao que non sexa posible realizar unha adaptación do posto, poderá ser adscrito funcionalmente por resolución da secretaría xeral técnica, voluntaria e temporalmente durante o período extraordinario, logo de informe dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia, a outro servizo dentro do ámbito de actuación das escalas na consellería competente en materia de patrimonio natural.

2.- O persoal das escalas con destino na consellería competente en materia de conservación da natureza poderá ser adscrito funcionalmente mediante resolución da secretaría xeral técnica temporalmente á consellería competente en materia de extinción de incendios forestais durante o período extraordinario, en función das necesidades existentes, para atender durante ese período a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais. En tanto no sexa requirida a súa prestación efectiva por parte da consellería competente en materia de extinción de incendios, este persoal continuará desenvolvendo as súas tarefas habituais na consellería competente en materia de patrimonio natural.

Capítulo VI Formación

Artigo 16.- Formación

As consellerías competentes en materia de extinción de incendios e de patrimonio natural, a través dos plans de formación do persoal ao seu servizo, establecerá os axeitados programas dirixidos á formación do persoal adscrito, en función das necesidades específicas desta escala.

A formación  do persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais recollerá as necesidades de formación dos axentes de novo ingreso e as de perfeccionamento dos xa pertencentes a estas escalas.

Así mesmo, deben recibir a oportuna formación e cualificación para o exercicio das súas funcións de policía ambiental,  en materia de defensa persoal e verbal, así como a preparación e protocolos adecuados para evitar situacións de risco e resolución de conflitos.

A planificación da formación na consellería competente en materia de extinción de incendios comprenderá a establecida no Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

Disposición adicional

Única.- A presente orde será de aplicación aos funcionarios que ingresen a través das ofertas de emprego público correspondentes na nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde da Consellería de Medio Ambiente do 21 de marzo de 2005 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas do persoal da escala de axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación, sen prexuízo dos efectos económicos, que serán do 1 de xaneiro de 2018.