Reunión para a negociación da proposta de RPT da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza (21/09/2018).
Tras as reunións celebradas o pasado 16 de xuño e 3 de setembro respectivamente, e respecto das achegas presentadas, os representantes deste departamento trasladáronnos, o pasado 21 de setembro, os últimos cambios realizados nesta proposta de RPT
1.- No Servizo de Prevención de Riscos Laborais, manteranse os postos de traballo abertos ós corpos Xeral/especial, tal e como figuraban anteriormente e como solicitáramos unha e outra vez dende CSIF. A posibilidade da súa apertura, segundo nos informan, débese a autorización de F.P namentres non se desenvolvan as escalas especiais creadas na LEPG en materia de seguridade e saúde laboral.
Non obstante, engádenselle a todos os postos o requisito do título específico en PRL respecto das 3 especialidades (seguridade, ergonomía e hixiene). Dende CSIF propoñemos que se requira unha, ou como máximo, dúas especialidades, e as outras sexan consideradas como un mérito. Queda pendente o estudo desta proposta.
2.-Infórmasenos que están estudando a posibilidade de facer efectivo xa nesta RPT a inclusión, e en consecuencia, o abono do complemento B12 para os 34 traballadores sociais do Inelga (recoñecido por sentenza xudicial). Dende CSIF solicitamos aclaración respecto de se o incremento orzamentario preciso (uns 2.500€/anuais por traballador/a aproximadamente) vai derivar de novas amortizacións de postos de traballo ou dun incremento no crédito necesario. Os representantes da Consellería asegúrannos que non derivará de novas amortizacións de postos de traballo.
No caso de que se leve a cabo a inclusión deste complemento, requirirase a convocatoria da mesa de pluses establecida no V Convenio, previo á negociación desta RPT na mesa xeral de empregados públicos.
3.-Retírase o requisito de titulación en licenciado en dereito para un posto base do subgrupo A1.
4.-Reestrutúrase na D.X de Relacións Exteriores e coa UE o posto de Xefe de negociado que pasa a depender da Xefatura de servizo e non directamente do director.
5.-Faise extensivo a homoxeneidade dos horarios especiais para aqueles mesmos postos de traballo.
6.-Queda pendente a revisión, por posible erro, da eliminación das áreas funcionais en diversos postos cuxa forma de provisión é por LD.
Dende CSIF, seguimos reiterándonos nas alegacións e achegas trasladadas, así como os diversos temas pendentes, tales como a viabilidade de agrupar todas as horas dos postos de limpadoras que se amortizan en postos de xornada completa e a posibilidade da súa delimitación por áreas xeográficas ou territoriais, así como a insistencia en que se recolla en acta da mesa xeral de empregados públicos o compromiso da Vicepresidencia para o inicio dun proceso negociador específico para a revisión das condicións laborais dos condutores do parque móbil da vicepresidencia, entre outros.