CSIF anuncia que non vai negociar ningunha merma do dereito ás vacacións do persoal de Política Social.
Vista a proposta de intrucións de vacacións para o persoal que presta servizos nos centros de Política Social, CSIF advirte que non se vai prestar a negociar ningunha redución do dereito ao desfrute das vacacións.
O borrador remitido ás organizacións sindicais é totalmente inadmisible e inaceptable, e amosa á baixa catadura moral da titular da Consellería de Política Social, Fabiola García Martínez.
Despois de enviar a este colectivo á primeira liña da pandemia nunhas lamentables condicións de protección, baixo unha nefasta organización e con xornadas inhumanas, o mínimo que procede é un xesto de agradecemento e recoñecemento por ese grande esforzo. Por contra, a única recompensa é unha falta total de consideración e respecto.
Querémoslle recordar á Conselleira de Política Social, que estes traballadores, de forma incansable e ininterrompida durante máis de dous meses, estiveron a poñer en risco directo a súa saúde e a das súas familias para asistir e coidar as persoas máis vulnerables, os nosos maiores. Son merecedores de todo respecto por parte do goberno de Galicia.
Máis que nunca, estes traballadores teñen gañado o seu dereito a desfrutar das súas vacacións coas súas familias, en toda a súa amplitude e nos períodos que mellor lles conveña.
Dende a CSIF animamos a todas as forzas sindicais a que rexeiten sen paliativos a proposta da Consellería e a que pidan igualmente a súa retirada. Participar nesta negociación sería insultar a todos os traballadores.
A Conselleira de Política Social, se ten a mínima decencia, debe retirar esta proposta e pedir desculpas a todos os traballadores.