Reunión co Sergas para negociar o concurso de traslados do persoal sanitario funcionario

CONCURSO TRASLADOS PERSOAL LEI 17/1989

Proposta de Resolución do___de ___ de 2017, pola que se convoca concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria.

 Remítese un resume do tratado na xuntanza celebrada o 8 de febreiro de 2017 entre as OO.SS e a dirección de RR.HH do Sergas, Subdirección Xeral de selección e xefatura de provisión de PT, para a análise e estudo das bases do concurso de traslados do persoal sanitario funcionario da Lei 17/1989 pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria:

1.- A proposta das referidas bases para este concurso de traslados datan de outubro de 2014, polo que tras o transcurso destes tres anos e as achegas formuladas, remitíronsenos un novo borrador cos cambios efectuados (sen comentarios).

2.- No obstante e dito o anterior, na actualidade , dende RR.HH afirman que pretenden darlle un empuxe definitivo e axilizar a súa convocatoria o máis axiña posible, polo que se establece unha nova fase de alegacións ata o vindeiro mércores 15 de febreiro coa finalidade de manter unha última xuntanza para pechar definitivamente o documento de bases.

3.- CSI•F, con data de 24 de outubro de 2014, achegou á Administración sanitaria un conxunto de alegacións aos diversos apartados das bases. Así, tras a análise destas achegas xunto co estudo doutras e o debatido na xuntanza, a Administración informa dos cambios máis salientables que foron aceptados e doutras previsións que poderían incorporase as bases, que poden resumirse nas seguintes:

  • En canto ao procedemento do concurso.- Prevese estruturar o concurso a través de tres únicas fases coa finalidade de axilizar este, consistentes na resolución dunha lista provisional de admitidos e excluídos, na resolución dunha lista definitiva de admitidas e excluídos incluíndo neste a adxudicación provisional dos P.T, e por último, a resolución da listaxe definitiva de admitidos e listaxe definitiva de postos adxudicados.
  • No apartado do baremo referido á formación, redúcese a puntuación de 7 a 5 e amplíanse os cursos formativos impartidos por outras escolas públicas e entidades tales como universidades, organizacións sindicais, SPE, etc. Neste apartado a Administración Sanitaria tamén valorará a posibilidade de incluír máis cursos de carácter transversal ( igualdade, informática, …) así como a posibilidade de incluír formación en outros idiomas aparte do galego.
  • No referido ao baremo da experiencia: Preténdeselle dar un maior peso a este apartado ao reducir a súa puntuación e así requirir ter máis anos traballados para obter unha puntuación maior.
  • Polo que respecta á baremación dos servizos prestados, múdase o criterio ao puntuar en comisión de servizos ou adscrición provisional como prestados no posto de orixe e non no posto efectivamente ocupado.
  • A administración tamén se compromete a valorar a posibilidade de incluír neste concurso máis opcións ou variantes respecto da conciliación da vida familiar e profesional.
  • Dotase de maior seguridade xurídica ao proceso, pois axústanse as bases a súa normativa reguladora (Artigo 10.2 do Decreto 93/1991) ao respectar as puntuacións dos diferentes conceptos as porcentaxes máxima e mínima dun 40% e 10% respectivamente.
  • A Administración procederá a revisar os novos preceptos recollidos na LEPG respecto da posibilidade de participación do persoal que superou o último proceso selectivo e que se atopa en destino provisional coas mesmas condicións xerais que o resto de candidatos.
  • Procederase a modificar o criterio de desempate na puntuación final entre candidatos, mudando o de maior idade ao de sorteo público por orde alfabético.
  • A Administración valorará a posibilidade de diminuír a puntuación existente entre os intervalos dos diferentes niveis consolidados.

Dende CSI•F achegaremos, de selo caso, unha vez analizado e estudado esta nova proposta, as novas consideracións oportunas pero INSISTIMOS E REITERAMOS Á DIRECCIÓN XERAL DE RR.HH DO SERGAS QUE CONSIDERAMOS IMPRESCINDIBLE QUE SE NOS FACILITE O ANEXO DE PRAZAS A OFERTAR NESTE PROCESO.