Alegacións da CSIF á proposta de baremo de concursos de traslado do persoal funcionario

ALEGACIÓNS DA CSIF Á PROPOSTA DE BAREMO DE CONCURSOS DE TRASLADOS DE PERSOAL FUNCIONARIO (proposta da DXFP do 08 de novembro de 2017)

A vista do novo borrador da proposta de baremos de concurso de traslados para persoal funcionario (versión do 08 de novembro de 2017), fanse as seguintes consideracións:

Como xa manifestou esta organización na última reunión, os dous temas de maior afectación para os funcionarios de carreira son tanto a promoción interna como, canto máis, os concursos de traslados. Estes últimos non só supoñen unha posibilidade de promoción profesional e/ou económica para os funcionarios de carreira, senón que, ademais, son a expectativa de procurar ou mellora en moitos casos a conciliación da vida familiar e persoal, toda vez que o funcionario pode conseguir praza definitiva no seu lugar de residencia familiar.

Por todo elo, faise imprescindible acadar un baremo de méritos que sexa obxectivo, pensado no conxunto dos funcionarios aos que vai afectar e afastándose de criterios que supoñan vantaxes para algúns colectivos concretos de funcionarios con merma das expectativas dos demais.

A provisión de postos do persoal directivo así como a de postos por libre designación (que lonxe de ser unha excepción estase a converter nun sistema ordinario de cobertura de Xefaturas de Servizo) xa se está a facer de forma discrecional e subxectiva sen atender, na práctica real, aos principios de mérito e capacidade.

Arbitrariedade que incluso abarca ao concurso específico ao que, de xeito arbitrario e utilizando a Lei de Medidas Administrativas se lle vai rebaixar o requisito de permanencia no posto de dous anos a seis meses, non admitíndose esa permanencia mínima de seis meses para conxunto xeral dos funcionarios.

Pero esta arbitrariedade non é admisible para o procedemento xeral de postos de traballo: o concurso ordinario

Na determinación dos criterios de medición de méritos e capacidades do concurso ordinario ten que ter un peso determinante e decisorio a opinión dos funcionarios expresada a través dos seus representantes lexítimos. É dicir, calquera baremo que se adopte para a provisión de postos de traballo a través do concurso de traslados, ten que ser necesariamente froito da negociación colectiva e do consenso sindical. Unicamente debería de prevalecer o criterio de Función Pública cando non se acade consenso sindical ou cando cuestión de carácter técnico impidan materializar as propostas sindicais.

Lamentablemente isto non é así, e Función Pública resístese a deixar de impoñer os seus criterios subxectivos e arbitrarios sen tan sequera facer una argumentación ou motivación que os xustifique.

En consecuencia co exposto, fanse as seguintes Alegacións o borrador de Baremo de Concurso de Traslados para persoal funcionario do 08 de novembro de 2017 remitido pola Dirección Xeral de Función Pública.

Antigüidade:

Existe absoluto consenso sindical en darlle o maior peso posible a este concepto (7-7’5 puntos). Non obstante, Función Pública resístese a darlle maior valor a antigüidade e, en consecuencia, resístese ao recoñecemento dos funcionarios que máis tempo lle dedicaron á Administración. Non explica o motivo e aplica como único criterio que xustifique o recurso á arbitrariedade.

Méritos específicos:

CSIF, tanto en alegacións precedentes como na última reunión, solicitou a eliminación desta base por considerala unha base perversa. E todo elo debido a que:

A) Puntúanse méritos que xa forman parte dos requisitos para o desempeño do posto.

B) Limita e condiciona arbitrariamente a mobilidade dos funcionarios co establecemento das Areas Funcionais:

  1. De unha banda pode triplicar a puntuación dun funcionario con respecto a outro que, co mesmo tempo traballado, non pertenza a dita area funcional.
  2. Dificulta que o funcionario poida cambiar dunha area funcional a outra, toda vez que a optar a áreas funcionais distintas das que está adscrito está menos valorado. Isto implica o encasillamento permanente do funcionario nun área funcional, ao dificultar o acceso a prazas de áreas diferentes.
  3. Non se contempla a experiencia xa certificada e validada en concursos anteriores e que consta no expediente persoal do funcionario. Máxime cando se trata de postos que xa non existen ou que cambiaron de codificación ou denominación como consecuencia das sucesivas modificacións das RPT’s como consecuencia de cambios na organización das consellerías.
  4. Non se contempla tampouco a formación relacionada cunha área funcional distinta á de pertenza do funcionario, de modo que permita que un funcionario que optar a unha área diferente poida obter puntuación neste apartado.
  5. Establece unha desigualdade absoluta con respecto a aqueles funcionarios cuxa praza, por decisión da propia administración, non está incluída en ningunha área funcional. A súa puntuación neste subapartado sería cero.

Así mesmo, se ben cada un dos subapartados dos méritos específicos (titulación académica, coñecemento de lingua estranxeira e permiso de conducir) teñen un tope de puntuación, non ocorre o mesmo co subapartado de área funcional. Unha vez máis, a decisión arbitraria de Función Pública permite que so a pertenza a unha área concreta poder ser premiado con 3’2 puntos do total dos 3’5 asignado ao apartado de Méritos Específico.

Insistimos, base imposta arbitrariamente por Función Pública a pesares da oposición frontal das organizacións sindicais.

E neste punto, tal vez sería o momento de que aquelas organizacións sindicais que no seu día apoiaron a Función Pública na creacións destas áreas funcionais deran explicacións de cal foi a súa motivación para consentir tal despropósito.

Grao Persoal:

A diferenza doutras organizacións sindicais, entendemos que con este apartado o que se está a valorar é a carreira profesional de cada funcionario dentro do seu subgrupo. É dicir, un funcionario do subgrupo C2 que consolidou catro niveis debería de ter a mesma puntuación que un funcionario do subgrupo A1 que tamén consolidou catro grados de nivel. Pois o que se ten que premiar é o esforzo e a carreira dentro de cada subgrupo, e non premiar, a maiores, a pertenza a un grupo superior.

Deste modo, nos postos abertos a varios subgrupos sae favorecido sempre o funcionario que opta dende un subgrupo superior, o que constitúe unha discriminación.

Se a pretensión deste apartado é valorar a adquisición dun maior grao persoal, resulta necesario partir de asignar unha puntuación mínima referida ao nivel mínimo de cada Grupo ou Subgrupo e unha puntuación similar por cada grao consolidado. O contrario sería inxusto ao penalizar a un funcionario por razón do subgrupo profesional de pertenza, cando xa existe outra base de puntuación que valora esta cuestión.

Todo elo coa excepción do funcionario que, a través dun proceso de promoción interna, ascenda ao subgrupo superior. Neste caso si procedería computar os grados consolidados en todos os subgrupos, pois os ascensos forman parte da carreira administrativa.

Formación:

A pesares da oposición sindical, Función Pública, recorrendo novamente á arbitrariedade, mantén a limitación temporal de dez anos para a validez da formación. Novamente parece que a intención é a de penalizar aos funcionarios de maior antigüidade. A limitación temporal da formación é tan sen sentido como negarlle a un funcionario a validez da titulación coa que accedeu a condición de empregado público cada vez que cambie o plan de estudos.

Así mesmo, consideramos imprescindible que neste apartado sexa valorada a formación impartida polas organizacións sindicais, sempre que dita formación fora homologada previamente por unha escola ou centro de formación das Administracións Públicas.

Documentos anteriores relativos ás propostas de baremos: