Contestación á Xunta pola súa proposta de acordo para os Axentes Forestais e Medioambientais

CONTESTACIÓN A PROPOSTA DE ACORDO PARA A ESCALA DE AXENTES FORESTAIS E MEDIOAMBIENTAIS PRESENTADA POLA ADMINISTRACIÓN.

Dende CSIF estivemos a darlle voltas a como contestar a súa proposta de acordo, gañas non nos faltan de responderlles como se merecen ante esta falta de respecto mostrada ao colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais, toda vez que hai un par de semanas xa viñeron co mesmo ofrecemento e díxoselles que non, comprometéndose vostedes a facer unha nova proposta que nos farían chegar a partir do día 7 de novembro, cousa que acaban de facer pero sen modificar una soa letra do xa ofrecido e rexeitado, pero como a nosa responsabilidade e educación non ten que ver nada coa súa, ímonos conter.

Podemos dicir ben alto que somos o colectivo de traballadores da Xunta de Galicia que máis horas de traballo cumpre ao longo do ano, o colectivo que máis fines de semana e festivos traballa de toda a Administración Autonómica, o colectivo que máis tardes e noites cubre durante todo o ano de entre todos os traballadores da Administración Autonómica, un colectivo que nin sequera pode desfrutar das súas vacacións na época que lle conveña, xa que non só non podemos pedir un mes de vacacións no verán, senón que incluso tendo programados os nosos permisos, con una simple antelación de dous días vostedes poden trocar unha Semana Santa, un Entroido, unha ponte da Constitución ou mesmo un Nadal de libranza por, como mínimo, catro días de traballo dos que perfectamente dous poden ser festivos. É máis, cunha simple letra (quizás vostedes non se acorden agora da X*) poden vostedes cambiarnos incluso de quenda de traballo de un venres para un luns  a pesar de que estea reflectido no cuadrante anual de quendas, transformando unha semana de tarde nunha semana de noite ou viceversa, glorioso. Difícil conciliación familiar a nosa.

A todo isto, temos que sumar que non existe colectivo na Xunta de Galicia que manexe a cantidade de Leis que nós manexamos para que se leve a cabo o seu cumprimento, como poden ser a Lei de Caza, a Lei de Pesca, A Lei de Incendios, a Lei de Montes, a Lei de Augas, a Lei de Costas, a Lei do Solo, a Lei de Animais Domésticos e Salvaxes en Cautividade, a Lei de Residuos, a Lei da Protección da Paisaxe, a Lei de Seguridade Vial, a Lei de Estradas, etc, etc , etc. Tamén levamos a cabo algúns dos traballos máis perigosos e penosos dos que están a realizar os funcionarios da Xunta de Galicia, como a vixilancia e control dun colectivo que porta armas de fogo potencialmente mortais como son os cazadores; a persecución e captura de persoas especialmente perigosas como son os furtivos; o manexo de animais enfermos ou agresivos; o enfrontamento diario con empresas que non lles importa levar a cabo agresións contra o Medio Ambiente con tal de satisfacer o seu interese económico; a loita diaria contra moitos políticos que nos votan literalmente enriba aos seus veciños en vez de facer cumprir a Lei como é a súa obriga; o ninguneo diario da televisión pública galega en favor doutros colectivos por intereses que non entendemos moi ben e que tampouco nos importan moito, alá eles coa súa falta de rigor e coa súa escasa profesionalidade. Ata os propios empregados fixeron una nota de protesta polo tratamento que se lle dou dende a TVG a última vaga de lumes e os traballadores que neles actuamos, e sen que os organismos os que pertencemos fagan nada por defender os empregados públicos. É dicir, vostedes non fan nada por remediar isto ou por mostrar o gran traballo que levamos a cabo os Axentes Forestais e Medioambientais á sociedade galega; e, como non, a loita contra o lume, cos risco que implica para as nosas vidas.

Xa falaremos de que contén o fume que estamos a respirar en cada lume o que asistimos, o que por certo, solemos ir como Directores de Extinción, responsabilizándonos en moitos casos ademais das vidas do persoal que está alí a traballar e máis das persoas que viven nesas zonas, así como de millóns de euros en medios materiais, como poden ser vehículos todoterreo, camións motobomba, avións de carga en terra, helicópteros ou mesmo hidroavións.

E todo isto quérennolo pagar vostedes con 120 brutos ao mes, ademais de que lles traballemos dous meses máis de gardas en período extraordinario cada ano, cando vostedes queiran, iso si, o que para nós suporía pasar dos trinta fines de semana traballados ai ano…Si estivésemos nunha empresa privada é calquera de vostedes lograra que os traballadores lle firmasen algo así, automaticamente pasaríannos a vostedes a formar parte do consello de administración de dita empresa, acaso algún de vostedes quere chegar por este método a ser Conselleiro?…

CISF non vai asinar un acordo no que se contemple cobrar menos que o persoal que está baixo a nosa responsabilidade, cunha subida do complemento específico non inferior o que vostedes lles pagan ao colectivo de gardacostas, aproximadamente 220 euros máis que nós ao mes, e que é un colectivo con unas función parecidas as nosas pero con moitísimas menos tarefas.

Non firmaremos un pago de gardas que non estea acorde cos riscos que corremos e co custo real da vida, e que en ningún caso será inferior o que se lles paga a outros colectivos como pode ser a sempre presente UME, que pasa dos 100 euros por día de traballo en concepto de garda e dieta. Non imos firmar un acordo que non contemple unha subida de niveis a corto ou medio prazo, na que se acorte de xeito moi significativo a diferencia de niveis entre un Axente Forestal e o seu inmediato superior, que hoxe en día chega a ser nalgúns casos de 11 niveis, chegando a alcanzar no prazo máximo de catro anos os niveis 18 e 20 para o colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais.

Estamos dispostos a firmar unha ampliación do período extraordinario sempre que o tempo mínimo fixo sexa de alo menos de catro meses e medio e a garantía de retribucións sexa de seis meses, de outro xeito a conciliación familiar é case que imposible. Este acordo entrará en vigor o día 1 de Xaneiro de 2018 . As puntualizacións do acordo acadarémolas na mesa de traballo de xeito presencial e directo e non a través dunha carta ou correo como é caso.

Quixera por último dicirlles que a nosa confianza en vostedes é cero. Como xa nos demostraron, son capaces de incumprir incluso o que firman, a proba está no convenio que temos a día de hoxe e que leva case dez anos caducado e caduco, e que por unha casualidade da vida está asinado a marxe dende hai doce anos por vostedes mesmos. Non esperen que o colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais crea en vostedes.

Novas relacionadas: