Resumo da reunión para abordar a situación dos Axentes Forestais

AXENTES MEDIOAMBIENTAIS E FORESTAIS

Resumo da reunión do xoves, día 23 de marzo de 2017, na Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, cas centrais sindicais, para tratar a situación actual dos AFM e AF.

Por parte da Administración estivo presente:

  • O Xefe do Servizo de Coordinación, Alberte Piñeiro Tubio.
  • Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto Juanas.

O Director Xeral fixo unha primeira exposición pola preocupación do colectivo por diversos temas do seu funcionamento e dixo que nos escoitaría e trataría de trasladar as nosas inquedanzas a consellería.

Por parte de CSIF fixéronse as seguintes peticións:

1.-Subida progresiva de niveis nas tres categorías existentes (Axente, Zonal e Territorial). Como exemplo de outros corpos como os Delineantes que parten de nivel 18 e non teñen as nosas quendas, nin as as mesmas responsabilidades (dirección de extinción, vixilancias, subvencións, denuncias, etc.).

2.-Acordo de condicións de traballo. Recordóuselle que está caduco e que non nos é de aplicación os axentes medioambientais (por ser un acordo asinado para escala de axentes forestais) e que de non modificalo ou actualizalo, poderíamos pasar a facer horario de luns a venres (de 8h a 15h), como calquera outro funcionario da Xunta ao non estar suxeitos ao acordo, quedando o servizo sen directores de extinción as tardes, noites e fins de semana. Tamén se lle dixo que dende o gabinete xurídico de CSIF estase a traballar nunha posible demanda pola aplicación do acordo a outra escala.

3.-Subida do prezo das gardas de incendios, como exemplo de outras comunidades autónomas con menos carga de traballo que cobran máis de cen euros/día e non os dez euros/día que cobramos nós. Deste xeito premiaríase a quen realmente traballa. Igual que no apartado anterior recordóuselle que os axentes medioambientais estamos sen regulamentar, sen acordo e que poderíamos non facer as gardas si non se sube substancialmente dito importe.

4.-Vehículos: con moitos anos e quilómetros, cheos de avarías custosas, con consumos elevados, etc. solicitamos a súa renovación ¡XA!. Que a tódolos vehículos se lles poñan rotativos V1, sirena e perfectamente identificados como vehículos de axentes.

5.-Uniformidade: actualmente “roupa de traballo” nun estado lamentable despois de nove anos sen renovar. Pedimos que se remate a orde de uniformidade e dotar aos axentes o antes posible do novo uniforme.

6.-Dotación de medios materiais e técnicos para o colectivo (tabléts, prismáticos, etc) e liberar os teléfonos para poder facer chamadas ao exterior, pola propia seguridade do traballador.

7.-Brigadas de investigación (BIIF): faltas de medios e persoal (en moitos distritos só cun membro), cando se dixo dende a Dirección Xeral que se potenciarían e serían de tres membros. Aumento do persoal de axentes e creación de prazas nas especialidades. Dar a coñecer os logros e o traballo dos axentes por parte da consellería.

8.-¿Qué medidas de protección se van adoptar por parte da consellería de MR, ante os triste e lamentables asasinatos dos compañeiros de Cataluña?. Dado que nós estamos expostos no monte a todo tipo de perigos (furtivos, pirómanos, roubos, etc) e un só axente de servizo.

9.-Avituallamento nos lumes: Os axentes non podemos estar catro meses de garda comendo bocadillos (ningún nutricionista o recomendaría) que na maioría dos casos non cumpren cas medidas mínimas sanitarias de transporte/manipulación de alimentos (bocadillos envoltos en papel de periódico, feitos á mañá e repartidos ás cinco da tarde en capachos, no maleteiro do coche cheos de po e ao sol).

10.-Cursos na AGASP, solicitamos que se aporte a parte proporcional do custo dos cursos para que dende a AGASP se poida comezar a impartilos, dado que a día de hoxe non se aboou nada.

A contestación do Director Xeral ás preguntas de CSIF:

1.-Subida de niveis: que lle parecía razoable e que así o trasladaría á Secretaría Xeral e á Conselleira, posto que non dependía da Dirección Xeral.

2/3-Subida do prezo das gardas: se tería que revisar o acordo, e o mesmo que no apartado anterior, que tomaba nota e o trasladaría.

4.-Vehículos: que están traballando na compra para a renovación progresiva en tres anos dos vehículos de propiedade. Cun orzamento aproximado de 1.000.000 de euros.

5.-Uniformidade: Nos vindeiros días seguirase co grupo de traballo para rematar a orde de uniformidade, para así podelos sacar a concurso.

6.-Dotación de medios: Entregaranse neste ano tabléts a tódolos axentes.

7.-Brigadas de investigación: Están de acordo en darlles unha volta a súa especialización e potenciación. Queren que sigan funcionando e valoran o seu bo traballo.

8.-Medidas de protección: Que o que sucedeu en Cataluña foi un caso aislado e non frecuente, pero que teñen que buscar unha solución ás agresións, e que no caso de actuacións dos axentes ante casos de perigo que prime primeiro a seguridade do axente.

9.-Avituallamento: Que iso depende do distrito, e que eles darán instrucións, e que se poden estudar outras opcións como paks herméticos.

 10.-Cursos na AGASP: Que teñen unha partida para cursos este ano e que xa están en contacto ca Academia.

Outros temas:

  • Tamén comentou respecto da Axencia Forestal Galega, de nova creación, que non lles afectaría aos axentes, por que dita axencia levaría dende o final da corta en adiante (distribución, serradoiros, comercialización, etc).
  • Contestou á pregunta de falta de protocolos nos grandes incendios, que o PLADIGA xa era un protocolo. Que en Galicia tíñamos moitos incendios á vez, e que eran malos de atender todos ao mesmo tempo.
  • Por último comentámoslle a necesidade de dar unhas charlas prácticas para a utilización das novas emisoras tetra (máis intensas que as dadas) e nos dixo que darían ditas charlas polos distritos.

Dende CSI-F, solicitámoslle reunións con máis frecuencia e valoramos positivamente a boa disposición da Dirección Xeral e que se nos contestara a tódolos puntos tratados, pero queremos resultados, non promesas, seguiremos presionando e traballando para acadar resultados e melloras para o colectivo.

Para máis información podedes dirixirvos aos delegados de CSIF:

Juan Rubén Pardo Cid (639202947) e Roberto González Ortega (689665627).