Os traballadores do SPIF mobilízanse contra da precariedade laboral e inseguridade xurídica á que os ten sometidos a Consellería de Medio Rural

Os Comités de Empresa da Coruña e Pontevedra convocan aos traballadores a unha concentración o día 23 de setembro diante da Consellería de Medio Rural.                                               

Os Comités de Empresa da Consellería do Medio Rural da Coruña e Pontevedra denuncian a gravísima precariedade laboral e inseguridade xurídica que están a padecer os Bombeiros Forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF).

1.000 empregados/as públicos/as da Xunta de Galicia, pertencentes todos eles ao SPIF,  seguen a ser contratados soamente durante 6 meses ao ano, o que atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo, impide acadar os obxectivos de prevención de incendios forestais e reduce a operatividade dun servizo público de emerxencias esencial para a defensa dos intereses dos todos os galegos e galegas.

Asemade, a Xunta de Galicia esquece a máis de 600 traballadores e traballadoras fixas descontinuas de 9 meses, que tras más de 12 anos seguen a esperar a ampliación do tempo de traballo dos seus contratos.

Nestes intres, en pleno período de alto risco de incendios, son numerosas as prazas vacantes sen cubrir o que, engadido a non cobertura de incacapacidades temporais, permisos ou licencias, está a provocar unha diminución da capacidade de resposta do dispositivo.

Os Comités de Empresa da Coruña e Pontevedra tamén denuncian a grave inseguridade xurídica que está a padecer o persoal por culpa da neglixente actuación da Consellería do Medio Rural e da Dirección Xeral da Función Pública. Levan meses concedendo adscricións temporais soamente ate o 30 de setembro, cando  o convenio colectivo establece con carácter xeral que serán por un ano prorrogable por outro, o que pode provocar tanto a perda dos posto en adscrición no medio da época de alto risco, como o despido dos traballadores que están a cubrir de xeito temporal ás prazas de orixe destes compañeiros.

Os comités de empresa tamén rexeitan ás prácticas postas en marcha o ano pasado dende a Secretaria Xeral Técnica desta Consellería, que no seu afán de reducir custos de persoal a costa da operatividade do servizo, está a impedir a prorroga ou novacións de adscrición temporais.

No caso dás adscricións, dende os Comités de Empresa tamén rexeitamos as novas limitacións impostas ao persoal temporal. Tras as numerosas sentencias acaídas recoñecendo o dereito ás adscricións do persoal temporal, e tras a instrución recentemente emitida por Función Pública regulando dito dereito, agora estanse a denegar en determinado casos có ridículo argumento de que están a estudar a posible afectación do Decreto de Estabilización aprobado polo Parlamento a este dereito.

Por último, dende os Comités de Empresa da provincia da Coruña e de Pontevedra reclamamos, de conformidade coas sentencias do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), a negociación e convocatoria dunha consolidación real dos postos de traballo de mais de 1.000 traballadores e traballadoras do SPIF, que tras anos de contratos temporais, están obxectivamente en situación de abuso da temporalidade, centos deles na provincia da Coruña e Pontevedra. Neste senso, recordamos que neste ano se suman á bolsa xa existente de traballadores/as en abuso da temporalidade no SPIF, outros máis de 400 traballadores/as fixos/as descontinuos/as de 6 meses contratados no ano 2018, cuxas prazas non foron obxecto de ningún tipo de oferta pública de emprego mentres a Función Pública Galega mira para outro lado.

Por todo elo, os Comités de Empresa da Consellería do Medio Rural da Coruña e Pontevedra, convocan aos traballadores a unha concentración:

Día: 23 de setembro de 2021

Hora: 11:00 horas

Lugar: Consellería de Medio Rural (San Caetano-Santiago de Compostela

Reivindicacións:

  • AMPLIACIÓN DO TEMPO DE TRABALLO DE TODAS ÁS PRAZAS FIXAS DESCONTINUAS DE 6 e 9 MESES, ATE ACADAR OS 12 MESES DE CONTRATO.
  • COBERTURA DE TODOS OS POSTOS DE TRABALLO VACANTES
  • MANTEMENTO E RENOVACIÓN DAS ADSCRICIÓN TEMPORAIS
  • CONSOLIDACIÓN REAL DOS POSTOS DE TRABALLO DO PERSOAL EN ABUSO DA TEMPORALIDADE DE CONFOMIDADE COAS DIRECTIVAS EUROPEAS